Revolta

< Volver á listaxe

A leite en Galicia, retos e estratexias ante a desaparición das cotas

O 27 de marzo de 2015 tivo lugar a xornada “O SECTOR LÁCTEO EN GALICIA: RETOS E ESTRATEXIAS ANTE A DESAPARICIÓN DAS COTAS” celebrada na sede da Fundación Juana de Vega e organizadas pola Asociación Galega Terra e Leite, coa colaboración da Fundación Juana de Vega e do Grupo Voz.

A continuación reproducimos as conclusións da Xornada
Fonte: http://terraeleite.org/

 CONCLUSIÓNS DA XORNADA:

“O SECTOR LÁCTEO EN GALICIA: RETOS E ESTRATEXIAS ANTE A DESAPARICIÓN DAS COTAS”

A continuación reprodúcense as conclusións máis salientables da xornada técnica e profesional “O sector lácteo en Galicia: retos e estratexias ante a desaparición das cotas” que tiveron lugar o día 27 de marzo de 2015, na sede da Fundación Juana de Vega en Oleiros (A Coruña), organizadas pola Asociación Galega Terra e Leite, coa colaboración da Fundación Juana de Vega e do Grupo Voz.

Clasificadas por cada un dos bloques temáticos nos que se estruturou a xornada, son as seguintes:

1.- No que respecta á situación do sector lácteo en Galicia e as perspectivas de futuro.-
• O complexo lácteo entendido como o conxunto de actividades ligadas á produción e á transformación do leite, constitúe un sector estratéxico para o desenvolvemento e o equilibrio territorial de Galicia, que achegou no 2011 o 1,42 % do PIB (1,26 % sería VAB das explotacións e o 0,16% a achega das industrias) e ten ademais uns importantes efectos de arrastre sobre outras actividades.

• Constátase que Galicia ten fortalezas no eido da produción, mantén un elevado dinamismo produtivo que a sitúan dentro das nove rexións de maior produción de Europa e que o sector produtor evoluciona, e está a altura, tanto en termos de competitividade como de calidade do leite, das principais rexións de produción europeas.

• No entanto, as explotacións galegas afrontan o horizonte sen cotas desde unha situación de desvantaxe, pola confluencia do seu tamaño inferior ao comunitario, o elevado endebedamento que arrastran parte delas, o nivel comparativamente baixo de axudas directas do que parten, e os altos custos na compra de alimentos.

• Por iso o sector produtor debe seguir facendo esforzos por reducir os custos de produción, principalmente mediante o aumento da base territorial das explotacións e a evolución cara a sistemas máis ligados á terra, reducindo a dependencia das compras de alimentos para o gando.

• En contraste co dinamismo do sector produtor, constátase a extrema debilidade da industria láctea en Galicia, relacionada con dous feitos: (1) arredor do 25% da produción láctea exportase en bruto para a súa transformación noutras zonas do Estado. (2) a industria localizada na nosa comunidade está especializada en produtos de escaso valor engadido, cunha demanda menos dinámica e nos que o poder de negociación da distribución é maior, polo que a súa rendibilidade é moi limitada.

• O anterior reflíctese en que Galicia produce preto do 40% do leite de España, pero a industria láctea supón menos do 10% da española. Esta debilidade industrial limita a renda e o emprego xerado na cadea láctea de Galicia e acentúa a vulnerabilidade do sector produtor, que nun horizonte sen cotas corre o risco de non ter asegurada a recollida do leite en determinadas situacións de mercado.

• O futuro do complexo lácteo galego vai depender de que o sector industrial sexa capaz de desenvolver varias estratexias combinadas: (1) a consolidación de Galicia como principal abastecedora de commodities lácteas, esencialmente leite envasado, para o mercado español (2) complementar esa liña principal co desenvolvemento e elaboración de produtos de maior valor engadido (iogures, batidos) e produtos con marcas de calidade diferenciada (DOP de queixos, leite con marcas específicas de empresa) para cubrir nichos de mercado específicos (3) apertura de novos mercados para abastecer a demanda de países emerxentes, como China ou India, a través de produtos que permitan ao sector industrial actuar como regulador, como leite en po, manteiga e lactosoros. Isto implica realizar importantes investimentos que de momento non se están levando a cabo, o que constitúe un signo preocupante.

• Para contribuír á necesaria transformación da industria láctea, reclámase unha orientación máis selectiva do apoio público ás industrias. Os fondos dispoñibles que van existir nos próximos anos é necesario concentralos en tres ámbitos: novas liñas produtivas en derivados de maior valor engadido; innovacións nos procesos produtivos que permitan reducir de xeito significativo os custes; acceso a novos mercados e consolidación da presenza no mercado español.

• Reclámase unha maior atención á formación e á investigación, tanto por parte dos gandeiros como por parte das industrias, e tamén da administración, co obxectivo de desenvolver novos produtos de calidade diferenciada baseados na innovación.

• Constátase como necesaria e imprescindible a consolidación de relacións estables e máis equilibradas entre gandeiros e industrias, e tamén un reequilibrio do poder de negociación entre industrias e distribución.

2.- No que respecta aos apoios á transformación e á comercialización do leite en Galicia e os previstos no PDR para o período 2014-2020.-
• Trasládase información de que no PDR do período 2007-13, estaba prevista a medida 123 para favorecer os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrícolas e forestais de maior valor engadido, dotada con 87,6 millóns de euros de fondos FEADER. A porcentaxe de axuda máxima situábase entre o 50% para o caso de Pemes e o 25% para empresas intermedias.

• Dentro desta medida apoiáronse 138 proxectos no sector lácteo, que supuxeron un investimento total duns 90 millóns de euros, dos cales se subvencionaron 28 millóns de euros, do que resulta un investimento medio de 652 mil euros por proxecto, cunha porcentaxe media de axuda de 39,3% por proxecto.

• A maior parte dos investimentos foron para a comercialización e transformación de queixo co 65,1%, e un 30% para leite envasado, e de xeito residual un 4,6% para outros produtos.

• No que se refire ao novo período de programación do PDR, no borrador do mesmo, inclúese a medida 4.2 que ten por obxectivo tamén apoiar investimentos en transformación, comercialización ou desenvolvemento de produtos agrarios, cunha dotación prevista de 78 millóns de euros de fondos FEADER. Esta medida, ao igual ca 123 do anterior PDR ten por obxectivo tratar de mellorar algúns dos ratios que caracterizan á industria agroalimentaria Galega, que se encontran entre os máis baixos de España, como son a marxe bruta de explotación, a produtividade e o valor engadido sobre vendas.

• A porcentaxe de subvención pode alcanzar o 50% do investimento sen limitacións derivadas do tamaño da empresa, cuestión que en principio se valora como positiva. Outro aspecto salientable é que non se poden conceder axudas a empresas en crise, o que permite orientar as axudas públicas cara a empresas viables, que son o verdadeiro motor de desenvolvemento económico dun territorio.

• Saliéntase que na concesión destas axudas se prestará especial atención a aqueles proxectos que presenten propostas capaces de xerar valor engadido nos produtos.

3.- No que atinxe aos retos da industria láctea en España e a problemática específica da industria en Galicia.-
• Resáltase que a industria deberá adaptarse e saber xestionar un aumento da volatilidade dos prezos dos produtos e dos custos de produción a nivel internacional, nun contexto de aumento xeral da produción a nivel europeo.

• Considérase que se abren oportunidades derivadas dun aumento da cota de mercado das exportacións de leite da Unión Europea, para o que resulta esencial ser competitivos a nivel internacional.

• Prevense aumentos da demanda mundial de produtos lácteos que deberán ser aportados principalmente pola Unión Europea e Nova Zelanda. Concretamente manéxase a necesidade de pasar dunha produción de 780 a 1.000 millóns de toneladas en 2023, das cales 27 millóns deben ser aportadas pola UE e NZ.

• As oportunidades para a industria láctea española veñen de dúas vías. Por un lado, pola xa apuntada vía da exportación cara a países emerxentes (China, India e algúns países africanos), e por outro lado, pola necesidade de abastecer un mercado interno deficitario, que na actualidade se nutre de leite procedente doutras zonas da Unión Europea.

• Sublíñase que para aproveitar estas oportunidades son necesarios investimentos, que ata a data, o sector industrial en España non está realizando, mentres que as industrias doutros países europeos levan investidos no período 2012-2014 uns 5.530 millóns de euros en alianza con grupos inversores de países emerxentes que garanten a entrada neses novos mercados. Polo tanto, a situación en España, e particularmente en Galicia, é especialmente preocupante pola desvantaxe competitiva que isto supón.

• Apúntase que os retrasos nos investimentos en España se deberon a dous factores, por un lado a debilidade financeira da industria e por outro, ao feito de non crerse ou aceptarse o cambio da regulación por parte do sector.

• Considérase que no caso de Galicia, a debilidade do sector industrial é máis acusada se cabe, xa que máis do 30% da produción de leite é recollida por intermediarios (primeiros compradores sen industria) e Galicia produce o 40% do leite de España.

• Conclúese que é necesario -se queremos un sector lácteo que aproveite as vantaxes competitivas da produción-, atraer investimentos ao sector industrial de capital español ou foráneo, e tamén que os investimentos públicos que se poidan artellar cara ao sector, sexan selectivos e con visión estratéxica a longo prazo para o fortalecemento xeral do sector, que no caso de Galicia é estratéxico para o mantemento do seu equilibrio territorial.

• Para facilitar os investimentos da industria tamén resulta necesario equilibrar as relacións na cadea de valor e aplicar sen medo, e incluso endurecer o réxime sancionador previsto na lei da cadea alimentaria, evitando abusos dunha das partes.

4.- No que respecta á interprofesional láctea.-
• Constátase que no Plan Estratéxico da INLAC para o período 2015-2020 contémplanse liñas de actuación para o sector en relación cos sistemas de información do valor engadido, con proxectos de I+D+i , coa valorización da cadea láctea, coa promoción do leite e dos produtos lácteos e coa estabilidade sectorial.

• Faise unha aposta por fortalecer a interprofesional láctea e reclámase a necesidade de incorporar á mesma á distribución, se o que realmente se pretende é que cumpra coa súa principal función, que é a de velar pola sostibilidade da cadea de valor do sector lácteo por medio da interlocución e vertebración entre os axentes que conforman a cadea de valor.

• Incídese en que a interprofesional láctea debe constituírse como un referente para garantir a sostibilidade do sector, ofrecendo transparencia sobre o valor engadido en cada fase da cadea e denunciando prácticas abusivas ou desestabilizadoras que o poñan en risco.

• Considérase que en xeral, a interprofesional debe acometer accións que contribúan a mellorar a imaxe do sector e dos produtos lácteos, así como desenvolver, apoiándose no anterior, iniciativas que promovan un aumento do consumo de produtos lácteos.

5.- Sobre do paquete lácteo e as perspectivas do novo Real Decreto.-
• Destácase que os obxectivos do denominado “paquete lácteo” son dar estabilidade ao sector, reequilibrar a cadea de valor e aumentar o poder de negociación dos produtores.

• Con eses obxectivos, o novo Real Decreto 125/2015, mantén a duración mínima dos contratos da industria cos produtores nun ano, dos que unicamente poden renunciar os gandeiros, pero nese caso deben comunicalo á autoridade competente da comunidade autónoma.

• Establece elementos de equilibrio, como que a industria presente oferta aos gandeiros ao menos dous meses antes da finalización do contrato en vigor, ou de tratarse dun nova relación contractual, ao menos dous meses antes do inicio das entregas de leite.

• Refórzase o réxime sancionador e o papel das organizacións de produtores mediante a aplicación estrita da lei da cadea alimentaria.

• Reclámase unha maior defensa dos intereses da industria, que se sinte “orfa” e incapaz de cumprir as obrigas establecidas no paquete lácteo, por non existir un paralelismo entre as relacións que se lle impoñen ás industrias cos produtores, e as relacións das industrias coa distribución, polo que unha vez máis se reclama a necesidade de contar esta última, se de verdade se queren articular as relacións na cadea do valor do leite.

• Constátase que o Real Decreto 125/2015 recentemente aprobado sobre condicións de contratación no sector lácteo, sendo un paso mais na mellora da eficiencia do paquete lácteo, parece non satisfacer nin aos produtores nin á industria láctea.

6.- Conclusión final.-
Galicia ten un sector económico no eido rural, o lácteo, de importancia capital para o mantemento do equilibrio territorial da nosa Comunidade, que ten potencialidades contrastadas no eido da produción, que debe superar algunhas limitacións derivadas da súa base territorial.

Ten unha industria con pouca capacidade de xeración de valor engadido que non está cumprindo coas expectativas esperadas pola súa situación nun territorio coas potencialidades que ten no eido da produción.

O sector presenta problemas nas relacións da cadea de valor, que requiren dun papel máis activo das administracións que teñen que implicarse en facer cumprir as normas desde arriba (distribución) cara a baixo (industria – produtor).

O futuro do sector lácteo galego vai depender da capacidade e da vontade de todos os actores da cadea láctea, incluídas as administracións, de procurar unha solución a estes problemas con amplitude de miras, porque mentres aquí se anda na procura de culpables, os competidores están facendo o seu traballo para mellorar a súa posición estratéxica ante o novo escenario.

En consecuencia, partindo dun territorio cunhas condicións favorables para a produción láctea e con potencialidades contrastadas no eido da produción, considérase que compre comezar a traballar canto antes, para lograr o obxectivo de ter un sector leiteiro dos máis competitivos de Europa, nunha Europa sen cotas.

A Coruña, a 27 de marzo de 2015
Asociación Galega Terra e Leite
www.terraeleite.org