Revolta

< Volver á listaxe

A rede ReVOLTA impulsa o Programa de Estudos en Man Común Ruralidades, Feminismos e Comúns

A rede ReVOLTA impulsa o Programa de Estudos en Man Común Ruralidades, Feminismos e Comúns

A Universidade de Santiago de Compostela, a través do grupo de investigación HISTAGRA, os sete grupos pertencentes a rede REVOLTA e a comunidade artística Montenoso, e unha amplia rede de colaboradores, entre eles o MARCO de Vigo, o MediaLab Prado, concellos, comunidades de montes e espazos autoxestionados impulsan o pioneiro Programa de Estudos en Man Común Ruralidades, Feminismos e Comúns.

Este Programa de Estudos conta con financiamento da prestixiosa fundación franco-española Daniel & Nina Carasso a través da convocatoria Compoñer os saberes para comprender mellor os desafíos do mundo contemporáneo, cuxo principal obxectivo son financiar as colaboracións transdisciplinares entre artistas e científicos. Á convocatoria presentáronse 81 proxectos en Francia e 32 en España. Destes, un comité técnico formado polo equipo da Fundación e asesores externos, decidiu apoiar catorce proxectos en Francia e catro en España (LABoral Centro de Arte y Creación Industrial, Hangar -Fundació privada AAVC, o Museo de Arte Contemporáneo de Castilla-y-León (MUSAC) e a Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración co Colectivo Montenoso.
O Programa de Estudos en Man Común Ruralidades, Feminismos e Comúns nace co obxectivo de impulsar un novo espazo de intercambio e produción de coñecementos e aspira a impulsar unha comunidade de investigación e de acción, e nela desenvolveranse diferentes sesións ao longo do ano, que versarán sobre cuestións relacionadas coa emerxencia dos comúns, os feminismos ou novas (e e vellas) ruralidades.

Ademais o carácter innovador da proposta radica en que o propio Programa de Estudos replica/traduce os mecanismos de xestión e gobernanza dos montes veciñais en man común, e pretende que os/as participantes no mesmo sexan quen de autoxestionar o propio programa, garantindo unha boa gobernanza do mesmo. ao igual que as/os comuneira/os o fan cun monte veciñal.

Serán as/os participantes do Programa de Estudos os que decidan que sesións queren desenvolver, aspirando a que estas combinen diferentes metodoloxías como poden ser sociogramas, mapas conceptuais, derivas... Estes encontros desenvolveranse en Santiago de Compostela, Carballo (Friol), Vincios (Gondomar), Allariz, Vigo e Madrid, e neles participarán investigadores, activistas e artistas.

O Programa de Estudos en Mancomún Ruralidades, Feminismos e Comúns reivindica a capacidade da cidadanía á hora de construír os seus propios espazos de pensamento e por este motivo é polo que se articula a través dunha rede ampla de actores, dende a propia Universidade de Santiago de Compostela, co grupo HISTAGRA e os sete grupos de investigación que forman parte da rede ReVOLTA, así como participan o Museo de Arte Contemporáneo de Vigo, o MediaLab Prado de Madrid, a Comunidade de montes de Carballo en Friol, a comunidade de montes de Vincios, o Concello de Allariz e os espazos autoxestionados Casa Colorida (Nigrán) e o Alga-Lab en Vigo.


Actualmente está aberto prazo de participación no Programa dirixida a persoas vencelladas con comunidades investigadoras, creativas, de montes veciñais que teñan interese na intersección de saberes derivados de campos como as universidades, museos, colectivos ou de espazos autoxestionados.

+ información:
info@estudosenmancomun.gal
881 814 439
http://estudosenmancomun.gal/
@PEMAN_