Revolta

< Volver á listaxe

A Rede ReVOLTA adhírese á Iniciativa Monte Pindo Parque Natural

A Rede ReVOLTA adhírese á Iniciativa Monte Pindo Parque Natural

A Rede Revolta adhírese á Iniciativa Monte Pindo Parque Natural, co convencemento de que polas súas características esta figura suporá un punto de inflexión na situación do Monte Pindo e impulsará definitivamente a conservación dos seus valores naturais, a investigación e divulgación científica, e tamén a necesaria socialización dos beneficios sociais e por suposto económicos que deben derivarse das figuras de protección do territorio. Con ese obxecto, Revolta apoiará solidariamente á Asociación Monte Pindo Parque Natural nas súas iniciativas.

O Monte Pindo, coñecido universalmente por Olimpo Celta, é un dos espazos da Costa da Morte naturais máis valiosos e recoñecidos internacionalmente. Trátase dun pintoresco macizo granítico con cumio a 627m. de altitude a escasos 2 km do mar, dotado de singulares valores naturais, xeolóxicos, patrimoniais e arqueolóxicos, e radicado integramente no concello de Carnota, a porta septentrional da Costa da Morte. Linda polo norte con río Xallas, Cadoiro do Pindo e enseada do Ézaro, polo leste co lindeiro municipal do Concello de Mazaricos, polo oeste co Océano Atlántico, e polo Sur coas Marismas de Caldebarcos e con terreos sitos na parroquia de San Mamede de Carnota. A súa superficie aproximada é dunhas 2.000 hectáreas completamente virxes, desprovistas de poboacións habitadas e de actividades industriais e económicas.

Segundo os traballos de catalogación postos en marcha pola nosa Asociación, conta con máis de 765 especies naturais, das que máis de 160 están protexidas. Asi, o Monte Pindo atópase protexido mediante as figuras internacionais de ZEC (Zona de Especial Conservación, Rede Natura 2000) e ZEPVN (Zona de Especial Protección dos Valores Naturais), entre outras.

A nivel xeolóxico, este auténtico fósil terráqueo de 350 millóns de anos de antigüidade é un dos espazos máis valiosos a nivel mundial; recentes estudos científicos colócano ao nivel de interese de lugares coma o parque Yosemite en California, Castle Rock en Idaho, ou Kangaroo Island en Australia, cos seus espeleotemas sendo estudados actualmente pola NASA. Por todo isto é  merecedeiro da catalogación de Punto de Interese Xeolóxico (PIG-C-115) e posible futuro Xeoparque.

A nivel histórico e arqueolóxico, o Olimpo Celta sempre tivo unha gran importancia, ben no aspecto paleontolóxico (con covas poboadas desde hai 6.000 anos), simbólico (coa práctica de ritos e tradicións que se remontan á noite dos tempos), relixioso (antigamente chamábase Monte Sacro, quedando vestixios de capelas e outros restos de cristianización) e tamén estratéxico, cun patrimonio material que merece capítulo aparte: todo o seu cumio foi amurallado (séculos V-VI d.C.) para defenderse das invasións por mar, conservándose restos de 2 castelos medievais (San Xurxo e Penafiel); xa en tempos máis recentes foi refuxio dos fuxidos da Guerra Civil, ademais de contar cun gran patrimonio etnográfico en forma de muiños, alvarizas, fontes, pontes, camiños, pousadeiros... que contribuiron de xeito definitivo á confección da cultura carnotá e de toda a bisbarra.

Todos estes valores converteron ao Monte Pindo nun punto de referencia do mundo cultural, biolóxico, morfolóxico que acredita na necesidade de acadar a consideración de  Parque Natural do Monte Pindo como  o primeiro Parque Natural da Costa da Morte.

Máis info: http://www.montepindo.gal/