Revolta

< Volver á listaxe

Aberta a participación para o Rural Encontro Imaxinado

Aberta a participación para o Rural Encontro Imaxinado

Hai tres anos en Lalín a rede ReVOLTA organizaba o seu primeiro encontro Rural Imaxinado, un espazo aberto ao debate no que diversas voces deron conta, a través da súa praxe, de diversas formas de vivir e pensar o rural. Daquela os eixos que guiaron as conversas foron os conceptos de comunidade, outras economías, subxectividades e resiliencia/innovación. Nesta ocasión propoñemos centrarnos na cuestión de abandono e volta.

Pensando historicamente o presente, dende a Historia rural tense afirmado que somos desertores do arado, que hai un progresivo abandono do rural o que implica unha perda innegable de poboación pero tamén de capacidades produtivas e de manexo do territorio. Cada vez hai menos labregas e labregos e o sector agrario ten minguado, mais fronte a este escenario de abandono hai experiencias e procesos de contra replica de volta ao rural; son moitas tamén as persoas que deciden voltar ao rural ou iniciar proxectos situados no rural que teñen que ver co tradicional sector agro-gandeiro ou con outras procesos non tan habituais caracterizados moitas veces pola innovación e a ollada ecolóxica.

A través deste encontro procuramos abrir ao debate cuestións como: E posible vivir no rural cunha renda económica axeitada? Cales son as dificultades para vivir na aldea? Como é a acollida ás novas persoas que deciden asentarse no rural? Temos capacidade de revertir procesos de abandono? Que papel xogan as administración? Que podemos facer dende o mundo universitario? Ou tamén por que voltar á aldea?

Este encontro aberto á participación fai esta chamada a persoas que se sintan apeladas por estas cuestións, non se trata dun espazo teórico, se non máis ben un lugar de debate a partir das propias experiencias vitais de moitas persoas que teñen vivido no rural e que imaxinan un rural facendoo.

A rede ReVOLTA de investigación en Agroecoloxía e Historia http://revolta.usc.es composta por oito grupos de investigación das universidades galegas abre este encontro á participación de facedores de experiencias innovadoras (culturais, sociais, económicas,…), investigadoras/es, activistas ou pensadores/as e interesadas/os en xeral que desexen participar no Encontro Rural Imaxinado que terá lugar en Vilar se Santos (Ourense) o 9 de novembro.

COMO PARTICIPAR NO ENCONTRO?
As/os autores ou colectivos que desexen facer unha unha proposta de presentación deben enviar un documento a rede.revolta@usc.es no que conste a seguinte información: 

  • Título da presentación
  • Nome e apelidos do/s participante/s ou do colectivo, explotación, cooperativa… 
  • Concello
  • Resumo da presentación (como máximo 300 palabras) ou vídeo, collage, fotos,... Valorarase moi positivamente formatos innovadores de presentación

A organización cubrirá os custes de desprazamento das presentacións seleccionadas.

O prazo para o envío de propostas de presentacións remata o 15 de outubro

O comité organizador valorará a idoneidade das propostas e seleccionará aquelas máis axeitadas aos fins do encontro, esta selección farase pública o 26 de outubro.

COMITÉ ORGANIZADOR

  • Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea, HISTAGRA (USC).
  • Emilio Carral Vilariño, profesor da Área de Ecoloxía, GALABRA (USC).
  • Xoan Carmona Badía, catedrático de Historia e Institucións Económicas, GESPIC (USC).
  • Carmen Espido, profesora titular de Historia e Institucións Económicas, GESPIC (USC).
  • Xoan Carlos Carreira, profesor de Enxeñería Agroforestal,  GALABRA (USC, Lugo).
  • Eduardo Corbelle, profesor contratado de Enxeñería Agroforestal, LABORATE (USC, Lugo).
  • María do Mar Pérez Fra, profesora contratada doutora de Economía Aplicada , ECOAGRASOC (USC, Lugo).
  • Edelmiro López Iglesias, profesor titular de Economía Aplicada, ECOAGRASOC (USC, Lugo).
  • Xavier Simón, profesor titular de Economía Aplicada, GIEEAH (UVIGO).
  • Teresa Rodríguez, profesora titular de Zooloxía e Antropoloxía Física, AGRONOMÍA (USC, Lugo).
  • Fran Quiroga, xestor de I+D da rede ReVOLTA (USC).

MÁIS INFO

http://revolta.usc.es/es/
rede.revolta@usc.es

BASES DA CONVOCATORIA

COLABORA:

Concello de Vilar de Santos